Durante os catro anos que estiven recluido no Lazareto da Illa de San Simón ocorreron feitos terribles…
Un dos moitos acontecementos ocorridos na illa foi coa esposa dun preso que era de Pontevedra; apelidábase Martínez, propietario dunha librería. A señora deste cheou a visitar o seo marido, pero non lle foi posible falar con el ni articular palabra, porqué non facía máis que chorar. Entón o marido preguntoulle por que viña de esa maneira visitalo, se non viñera para conversar. Ante esta imposibilidade, presentouse ó oficial de prisións que estaba no locutorio e pediulle permiso para falar coa súa esposa fronte a fronte, fóra das reixas. Ó serenarse a señora del, díxolle ó seu marido que a súa vida estaba en mans do Director da prisión, señor Búa. Ante as declaracións da súa señora, que eran que se entregase ó Director para facer o amor con este, o seu marido contestoulle que de ningunha maneira fixese tal cousa…
O doctor Ramón de Castro, especialista en efermidades do pulmón, foi detido dúas veces por orde do Director da prisión, señor Búa («traficante de carne humana»), en calidade de preso gubernativo. Era posto en libertade ó facer efectivas as multas que lle impuña. A segunda vez que saíu en libertade, informou ó Director Xeral do Instituto Antituberculoso da súa detención. E entonces o Director enviou á Illa dous axentes de policía, que ó chegaren o edificio e ó informárense en que oficina estaba, entraron sen pedir permiso preguntando polo Director, e ó dicir que era el apuntárono con dúas pistolas, ó que o señor Búa se opuxo. Terminou por entregarse totalmente. Unha madrugada foi levado a Pereiró e fronte a un dos seus muros foi fusilado.
Acostumaba a visitarnos con moita frecuencia un relixioso xesuíta chamado «Padre Nieto». Cando este se dispuña a conferenciar, o primeiro que nos dicía era estas palabras:
«Bien, les invito a que agarren una silla y se sienten en el suelo»
«Queráis o no, triunfaremos en la cruzada, aunque no quede piedra sobre piedra»
Nunha das súas viaxes á Illa de San Simón coincidiu con fusilamento de sete cidadáns asturianos, ós que asistiu o Padre Nieto. Estes asturianos foron executados en dous grupos, un de catro e outro de tres; nun destes grupos había un que estaba malferido e revolvíase na terra agonizando, mentres o Padre Nieto lle dicía estas palabras: «Muere, Muere, rojo impío», picándoo ó mesmo tempo co seu bastón.
O alcalde de Bueu, Francisco Cuevas era cronista do xornal Vigués Pueblo Gallego, e estivo con nós no Lazareto cerca de catro meses, condenado a morte. Ata que unha tarde chegou a orde de evalo a Pontevedra para fusilalo. Recordo que ó despedirme del díxenlle: «Tienes que llevar la esperanza de que te conmutarán la pena de muerte»; ó que me contestou: «Lo que tengo que llevar es valor para morir».
De todos os alcaldes da provincia de Pontevedra, soamente dous se salvaron da morte: estes foron os alcaldes de Vilagarcía e de Sanxenxo.
A mediados do ano 1937 os que quedábamos no Lazareto por estar condenados a quince anos de prisión exerciamos unha profesión, e co motivo dos falecementos de anciáns que morrían diariamente, aproveitabámos destes desgraciados para levalos en ataúdes ata o peirao de Cesantes. Nunca ocasión tiven a curiosidade de mirar entre unha táboa e outra.
Púñame de acordo con Dolores, a miña esposa, na visita que esta me facía pola mañá, e dicíalle: «Esperame no peirao de Cesantes, que imos levar varios anciáns falecidos». Ó chegar pedinlle ó oficial de prisións, que presidía a comitiva fúnebre, para que me autorizara a estar coa miña muller mentres non chegaba o coche fúnebre. «Te doy tres cuartos de hora para que vayas con tu mujer, con la condición de que ni un minuto más». Ante isto fómonos a un piñeiral e cando estabamos a facer o coito pasou por alí un mozo que ía asubiando, ó vernos deuse de conta de que se trataba dun preso do Lazareto… e o rapaz cambiou de ruta mentres nós continuamos facendo o traballiño…
Durante moito tempo recordarei unha das expedicións de presos que chegaron á Illa procedentes das cidades e vilas que conquistaban os exércitos franquistas; moitos deles eran intelectuais, xefes e oficiais, traballadores e incluso un Tenente Coronel da garda civil, que se deitou ó meu lado e de almofada serviulle a miña maleta.
Cando terminou a Guerra Civil eramos un millón de presos en todas as cadeas e campos de concentración españois.
Por entón o goberno franquista nomeou unhas comisións do corpo xurídico, e estas, ó informalo de todos os expedientes dos que estabamos encarcerados, rebaixáronnos os moitos anos de prisión en menos de tres anos; cando eu xa levaba no Larareto catro anos menos dous días telefraficamente puxéronme en liberdade, pero resultou que esta liberdade era atenuada, ou sexa, sen saír da casa, e de facelo tiña que pedir permiso no cuartel da garda civil.
Terminada a Guerra Civil continuaron os consellos de guerra sumarísimos, e segundo informa o Xorna O Século, fusilábanse en Madrid duascentas persoas diarias.
Foron catro nacións que lles deron o triunfo ós sublevados: Alemaña, Italia, Portugal e Marrocos. As débedas de guerra a estes países pagáronselles con mercancía de todo tipo.
Os Xenocidios, fusilamentos, torturas e demais que se cometeron nas zona franquista foron por «Dios y España», mentres as inxustizas que ocorreron nas zona Republicana pagáronse coa morte, a cadea e o exilio.
Remato dicindo que son fillo de pais proletarios, e por motivos económicos non tiven estudios Superiores, quedando ós quince anos orfo cos meus estudios elementais.
Ángel Fernández del Río. Cangas, xuño de 1940.