Observaba acertadamente Xosé Ameixeiras que non fai falla viaxar ata Cuenca para ver unha cidade encantada. E ademais sen necesidade de pagar entrada. Os Penedos de Traba e Pasarela, sobre todo os seus principais macizos –A Cachucha, Pena Forcada e a Torre da Moa-, forman un auténtico museo xigante no que cada un pode observar tantas figuras como sexa capaz de imaxinar.
Dicía un tal Ramón Otero Pedrayo, alá polo ano 1962, que uns dos máis estupendos erguementos de penedos de Galiza, os de Traba e de Pasarela, míranse desde Vimianzo, desde Ougal, o Faro de Corme e a Virxe do Carme. Os seus dentes e poutas afíanse por riba dos ondeares mainos de formas das outras terras.
¡As pedras son pedras!
¡As pedras non se comen!
¡A paisaxe non dá postos de traballo!
(Alejandro Rodríguez, alcalde de Vimianzo, 2006)
Do bardo o corazón cual verdejante, val é, cando tormenta non o acaba;
mas dispois que sofrío é somellante, aos penedos hórridos que Traba
e Pasarela cercan, qu’o pasante, cual feos restos de fervente lava,
admira, e que embozados en nebrina, mostran súa grandísima ruína.
(Eduardo Pondal)
Entre os penedos de Trava, teñen as aigas os niños; nas árbores das cidades, solo vexo paxariños.
Solo vexo paxariños, e o fidalgo de Boaño está afeito a ver aigas, sobre os penedos voando.
(Evaristo Martelo Paumán, 1912)
Penedos de Pasarela, cando vos vexo, penedos, suspiro de amor por ela.
(Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos, 1886)
Fotografías: Roberto Rey. Realizadas con Sony A7III + Objetivo Radiactivo Canon FD 35mm F/2.0, fabricado en 1971
https://robertorey.photo/blog/objetivos-radiactivos
Ruta: Vía Inqueda. WikiLoc.